A ruta das pedras con cara

Son as 8 da mañá. As 7 en Portugal.

Miro o móbil e apago o modo avión. É unha costume que teño dende fai anos, dende que se me dou por comprar un teléfono intelixente para facerme máis burro. É unha mañá calquera e decido facer algo diferente. Barallo varias posibilidades, todas elas lonxe da casa, pero decido dar un cambio, vou facer unha ruta por onde sempre. Por onde xogaba de pequeno co meu irmán e meus curmáns. Voulle a dar a volta a San Vicente ó redor do mar.

Volta ó Grove, Etapa 1: Ruta Das Pedras Con Cara

O PRIMEIRO TRAMO

Saio do campo da festa. Ese mesmo onde pasei horas e horas, días e días xogando cos meus amigos de San Vicente cando éramos pequenos. Daquela non había columbios como hai agora. Daquela tiñamos un tobogán vello e un bambán co que facíamos competicións a ver quen de nós chegaba máis alto. Hoxe hai un parque ben feito e na antiga escola de primaria, que logo foi biblioteca, hai un pequeno auditorio e biblioteca. Os tempos cambiaron para ben. O que non é tan bo é que todas estas cousas,  é que arestora non hai nin un solo neno.

Logo chego á praia do Espiño, aquela fermosa praia que arruinaron cando construíron o Porto deportivo de Pedras Negras.  Aquela praia de area fina e branca converteuse nunha praia con algo de area e moitas pedras.

Illa de Ons dende San Vicente

A Illa de Ons dende San Vicente.

Miro con gran admiración a pedra dende a cal nos tirábamos de pequenos buscando a perfección (hoxe non o faría) e adéntrome no porto e no paseo de madeira que hai bordeando todo ata chegar á Batería. É unha zona moi bonita e actualmente moi turística. Paso ó lado do Náutico. O camareiro barbudo (boa xente) está barrendo logo dunha noite movida. Doulle os bos días e adéntrome no que vai a ser o albo da miña ruta: A ruta das pedras con cara.

O SEGUNDO TRAMO

 

Pasado o paseo de madeira, o cal recomendo visitar se algún día pasades polo Náutico (está ó ladiño) chego á Batería, concretamente á praia de Canelas. Aquí acábase o paseo de madeira, co cal tamén se acaban as aglomeracións de xente. Empeza o bo.

Adéntrome polos camiños e véñenme á memoria infinidade de recordos. Saltos ás vaias militares para ir aos canóns, xogos nas pedras a escondernos, etc. Unha desas historias nunca se me borrará da miña memoria. Foi un día de temporal e a meu irmán, meus curmáns e mais a min non se nos ocorreu outra cousa que ir coas nosas bicicletas por ese camiño para ver as ondas xigantes. Nun momento deses comezamos a xogar a escapar das ondas. Coa resaca do mar adentrabámonos nas pedras e cando viña a onda corríamos para escapar. Sempre iamos con precaución e o mar nunca chegaba a onde nos encontrábamos, e menos ata o camiño.

Recordo que acabamos o noso xogo, collemos as bicis andamos uns cantos metros e unha onda xigante chegou de forma violenta ó camiño levando todo por diante. Foi aí a miña primeira lección que non se me borrou da memoria: co mar non se xoga.

Aguia

A aguia

 

Os Argonautas

Os argonautas

 

O esmorgante

O esmorgante

 

Os pensadores

Os pensadores

 

Ó longo do camiño encóntrome con infinidade de pedras. Unhas vellas coñecidas e outras non tanto, quizais por non fixarme ou quizais porque estaban agochadas. Así pois paso ao lado da “Aguia”, do “Esmorgante” dos “Pensadores” e doutros moitos. Cabe aclarar que estes nomes púxollos un servidor. Cada un que as chame como lle pete.

O TERCEIRO TRAMO

Chegado a Con Negro atópome con moitos pescadores, é unha zona na que a pesca dende terra é boa. A paisaxe é espectacular. Á esquerda a Illa de Ons, á dereita Aguiño e fronte a min a Illa de Sálvora. Nunca fun a Sálvora, é unha materia pendente, pero irei.

Praia de Castiñeira

Praia de Castiñeiras

Sigo pola praia de Castiñeiras, a praia nudista para os de San Vicente, e adéntrome nela co obxectivo de chegar ata o final dela. Estaba seguro que había un pequeno camiño que ía dar xusto ó Carreiro, e non me trabucaba, ese vieiro inda estaba no mesmo lugar. Fun dar xusto ó lado da torre-radar de vixilancia costeira. Outra vez, as vistas marabillosas. Decido facer unha foto panorámica porque estou completamente abraiado. Comeza a chover e decido continuar a ruta.

O CUARTO (E DEFINITIVO) TRAMO

Chego a un punto do Carreiro no que me toca decidir, ou estrada ou pedras. Decido apostar polas pedras, e non me trabuquei. Baixei á praia, da cal non sei o nome, pero que busquei na rede e encontrei que se chama “Baleela” ou “Pateiros” (non estou moi seguro cal é o nome correcto) e decidín dar a volta ó pequeno castro bordeando todo polas pedras. Aquí encontreime coa “Cabeza de Chorlito” e con “Donald Trump”. Ademais tiven o pracer de facerlle unhas cantas instantáneas ó Chasula, ese barco tan chulo que surca os mares da Ría de Arousa.

O Chasula

O Chasula navegando pola ría.

A decepción foi ó continuar un pouco máis. Aquilo que na antigüidade foron pequenas salgadeiras hoxe en día están convertidos en chalés que bloquean o paso ó viaxeiro debido ás barbaridades urbanísticas que se permitiron. Se fose un veciño xa tiña a casa tirada, pero só deus sabe o que pasa no mundo.

Urbanismo salvaxe O Carreiro

Abusos urbanísticos

En fin, que con paso firme e intentando non caerme ó mar logrei chegar á Praia do Carreiro, unha praia fermosa e moi boa para os amantes da natación. Tan fermosa case como a miña praia favorita, A Barcela.

Sempre que estou aquí acórdome da “Cabana” de mariñeiro de meu tío-avó Pepe. Un mariño que viviu coma mariño ata o final dos seus días. Aquí pasei moitas tardes de verán, e de aquí tamén son os meus primeiros de recordos de neno, pois nunha destas casas, actualmente coñecida como “A casa dos franceses” pasei unha tempada de pequeno, mentres meus pais construían a nosa actual casa.  Non sei se estou no certo, pero esta casa era da familia do dono do Náutico. A familia “De la Cierva”. Si,  esa mesma familia do inventor do autoxiro.

Praia da Barcela

A praia da Barcela

Finalmente, e para rematar esta ruta miña paso bordeando a praia de Area Grande e métome no monte para chegar ata terras de labradío, nas que aínda se sementa. Vexo unha plantación de verdura e lémbrome de moitas tardes coa miña avoa indo  buscar verdura para os conexos, para as galiñas, para nós.

Moitas lembranzas que remataron outra vez no campo da festa de San Vicente. Esa mesma antiga escola na que pasei os meus primeiros anos, na que aprendin moito, na que me dou moitas hostias o profesor, e na que me fartei de xogar á pelota e de agardar ó autobús.