A ruta do mar e dos mariñeiros

Non me gusta madrugar. Non é ningún segredo. Mais levanteime con máis ansias do habitual xa que o propósito de hoxe é bonito. Vou continuar coa segunda etapa do que eu considero a Volta á Península Meca, pero á miña maneira, bordeando toda a costa.

 

 

A primeira hora

Acabo de sentarme na parada de autobús na que tantas veces esperei mirando fixamente á estrada. Si, nesa mesma estrada na que xogabamos grandes partidos de fútbol a primeira hora da mañá cando eramos pequenos, só interrumpidas cando baixaba o camión de Paco Guillán pola costa abaixo sen encender o motor.

Baixo para a Praia de Piñeirón e lembro cando volvía da escola e seguía a unha moza extranxeira por aquel camiño. Menudos rodeos que daba para chegar á casa, tan só para conseguir un “ata mañá”. Unhas veces conseguíao, outras non. Non me lembro de cantos anos tería, pero agora que o penso, tívose que dar conta algunha vez de que estaba facendo o parvo, pero tampouco me dixo nunca nada. Quizais por respecto, quizais por amizade. Si, o meu primeiro amor platónico.

 

Praia da Mexilloeira

 

Chego á praia e comezo a camiñar mirando o mar. Todo me cheira a mar e a mariñeiros. As bateas á miña esquerda, a praia baleira e o vento facendo presenza coma de costume. Quizais por iso me cruzo con moitas cometas. Que cometas! Son tolos practicando un deporte para tolos que algún día, como bo tolo que son, espero probar. Están practicando kitesurf nunha paraxe inmellorable. Vexo un cartel que di que a praia agora é exclusivamente para usuarios de deportes náuticos, vaia! E que se prohíben cans…moi ben, nada novo. Bueno sí, o novo é que a Lagoa da Bodeira non está seca. Está chea de vida. Iso é bo. Cando eramos pequenos os profesores sempre nos traían de excursión á Lagoa da Bodeira. Agora non che sei, pero igual á aula de informática, se é que inda se chama así.

 

Kiosko Areaso

 

Chego á Praia de Reboredo e encóntrome cun amigo. E vós amigos, non deixedes de visitar no verán o Kiosko Areaso, boa xente e lugar inmellorable. Despídome, e sigo atravesando por detrás do Aquarium de Moreiras. Isto cambiou moito, que digo! Moitísimo! Esculturas de mariñeiros, de nenos, de vellos recordando batallas, faros, etc.

 

Escultura de mariñeiros 1

Escultura de mariñeiros 2

Escultura de mariñeiros 3

Escultura de nenos

A segunda hora

 

O Platuxa

 

E aí está, O Platuxa, o buque insignia (fai algúns anos) dos Amigos da dorna de Portonovo reconvertido na garda e custodia das Salgadeiras de Moreiras. Un lugar que si ou si tes que visitar. Esta é a historia viva da nosa vila. É dicir, do mar, dos mariñeiros. Se queres entender a cultura da Ría de Arousa, do porqué das cousas na nosa ría, tes que visitar este lugar. Aquí poderás ver dende os barcos de pesca, pasando polos aparellos e incluso polo proceso de salazón das antigas conserveiras. Acórdaste da primeira etapa? Ó final dela pasei ao lado dunhas antigas salgadoiras, agora reconvertidas en chalés de verán. Pois aquí non, este é un espazo de sabiduría e cultura mariñeira que non tes que deixar de visitar.

 

Prensa 2

Prensar 1

Proceso da salgadura

Revenir e curar

Tonelería

 

O mesmo que o Aquarium, o noso Aquarium. Non tes que ir á Coruña nin a Barcelona. Tes un aquarium no Grove. E xa de paso, se tes fame, A de Roque sempre é unha moi boa opción para comer. Eu non teño fame, mais que nada porque miña nai está preparando na casa un churrasco espectacular, e sigo.

Continúo bordeando e diríxome cara a nova ponte que atravesa Moreiras. Lembro que cando era pequeno ía alí a xogar cos meus curmáns. Había caixas de bateas e ata un antigo galeón do cal non me lembro moi ben, pero dicían que era un galeón inglés. Alí pasou anos e anos, pero na actualidade non hai nada, o lugar quizais, e a súa historia na miña cachola. Nada máis.

 

Camiño cara a Lavajeira

 

Ata que chego á Praia da Lavajeira. Aquí a historia convértese en presente. O cheiro a pintura, a alcatrán, a mar e mariñeiros. Barcos de batea en dique seco, dornas ben amarradas e vellos á sombra vendo pasar o tempo mentres contan as súas batallas. Sempre o dixen, non hai mellor forma de pasar o tempo que sentarse ó carón dos maiores mentras contan as súas historias, a súa historia, á sombra, sempre á sombra.

 

Dorna Teresa

Dornas en terra

Praia da Lavajeira

 

Estou en Porto Meloxo. Mar e mariñeiros. Non nos esquezamos de terra de remeiros. Quen non colleu un remo en Porto Meloxo, non estivo en Porto Meloxo. Terra do Clube de Remo Amegrove.

A terceira hora

Dobro a esquina. Non tiña pensado chegar ata aquí pero xa que me encontro con forzas e ánimo suficiente decido continuar ata a punta do peirao do Grove, si! A contar a miña propia historia.

Chego a Katanga (Virxe das Mareas). É a primeira vez que paso por aquí camiñando. É a primeira vez que me adentro no mundo das casas baratas de Katanga. A sorpresa é maiúscula. Isto rebosa de vida por todas partes. Roupa a secar, nenos xogando na rúa, televisións a todo volume con Karlos Arguiñano de fondo. Gústame o que vexo. Xente normal e corrente.

 

Katanga

 

Garavilla por diante é fea, pero por detrás non digamos. Garavilla (Conservas Isabel) é o motor económico do noso pobo. Traballar en Garavilla é ter un bo traballo. Eu tamén pasei por Garavilla. Horas e horas cargando contenedores marítimos cheos de latas para exportar. Anos máis tarde, detrás dunha pantalla de ordenador recordaría eses primeiros momentos ligados á loxística marítima.

 

Garavilla por detrás

Esta é a parte do camiño máis fea, pero ten o seu encanto. Depuradoras de mariscos, tuberías por todos lados, praias mal amañadas. Pero en definitiva, isto tamén forma parte do camiño que me leva ata Rons. Terra de remeiros. Terra do Clube de Remo Mecos. E tamén terra da outra fábrica, a fábrica de Rons (Thenaisie Provote). Aquí tamén pasei unha temporadiña traballando polas noites limpando as máquinas. De feito, fixen os exames de selectividade, para entrar na universidade, sen deixar de traballar nin un só día. Tolo eu! Si, traballaba pola noite e ás nove ía para Pontevedra a facelos exames. Se hoxe en día tivese poderes especiais para volver ó pasado, meteríame unha boa hostia a min mesmo. Ou non?

 

Rons

Fábrica de Thenaisie Provote

Dorna Lila

 

Obxectivo logrado. Estou chegando ó peirao do porto do Grove. En todo momento co mar ó meu carón, como un bo amigo que me guiou ata onde me encontro, na punta do peirao, onde uns pescadores de domingo me observan con cara de parvos. Non me extraña, eu tamén me miraría a min mesmo de igual maneira. Foi o momento no que me volvín a dar conta de que a vida é impresionante. Así de impresionantes tamén son as queimaduras que me fixo o sol. Parezo do norte de Europa. Un guiri.

 

Barcos de batea

Nolo na punta do peirao

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.