E a ti, que che gusta?

Gústame viaxar e ler libros de aventuras. Encántanme as historias relacionadas coa xente valente. Ademais, interésame o fútbol, sobre todo cando gaña o meu equipo.

 

Seguramente xa te fixarías de que vai isto. Pero por se aínda non te deches conta, isto vai de verbos que utilizamos á hora de falar de gustos e intereses en galego. Ademais, sobre o uso dos pronomes átonos aos que van ligados.

Para explicarche isto, imos tomar como exemplo un dos verbos máis populares en calquera lingua, o verbo gustar. Este verbo ten unha forma de construción diferente á común para o resto dos verbos.  Fíxate na seguinte táboa:

A quen lle gusta? Cando nos gusta unha cousa O pronome átono Cando nos gustan varias cousas Os pronomes átonos
A min gústame -me gústanme -me
A ti gústache -che gústanche -che
A el / ela / vostede gústalle -lle gústanlle -lle
A nós gústanos -nos gústannos -nos
A vós gústavos -vos gústanvos -vos
A eles / elas / vostedes gústalles -lles gústanlles -lles

 

Outros verbos que utilizamos cando falamos de gustos e intereses, e que ademais seguen a mesma construción son:

  • Interesar moito / nada
  • Encantar
  • Molestar
  • Dar risa / medo / pena / asco
  • Preocupar  moito / pouco

 

Uns exemplos:

 

  • Interésanme os filmes de ciencia ficción.
  • Encántame viaxar en autobús.
  • Preocúpame moito a situación actual no mundo.
  • Moléstanme as persoas desagradables e maleducadas.

 

Pois ben, se te fixas, en galego o pronome átono vai ao final do verbo. Como norma xeral, a frase nunca empezará por un pronome átono como é no caso do español.

  • Me gusta  Gústame cando podo saír a camiñar sen paraugas.
  • Me interesan Interésanme as novas sobre África.

 

Que ocorre cando a oración é negativa ou interrogativa?

 

Cando a oración é negativa ou interrogativa o pronome cambia de lugar. Pasa a situarse ante o verbo. Collamos os exemplos anteriores:

 

Exemplo de oración negativa:

  • Gústame cando podo saír a camiñar sen paraugas → Non me gusta cando podo saír a camiñar sen paraugas.
  • Interésanme as novas sobre África → Non me interesan as novas sobre África.

 

Exemplo de oración interrogativa:

  • Por que che gusta cando podes saír a camiñar sen paraugas?
  • Dende cando che interesan as novas sobre África?

 

E para finalizar, tan só comentar que en galego dicimos “Eu tamén / A min tamén”  ou “Eu tampouco / A min tampouco” cando temos a mesma opinión que o noso interlocutor. Por exemplo:

 

  • Nolo: “Gústanme moito os venres”.
  • María:  “A min tamén”
  • Nolo:  “Hoxe é sábado e non teño que erguerme cedo”.
  • María: “Eu tampouco, de feito voume erguer tarde, moi tarde”.

 

Quedouche claro? Si? Parabéns! Para a próxima máis e mellor.