Liberia

Só hai no mundo dous países fundados por escravos doutros países, e un deles é Liberia.

O outro, Serra Leona.

Si, parece mentira pero é tan certo como a propia historia. Un país creado por escravos? Si, por escravos de EE.UU.

O mesmo experimento realizouno o Reino Unido en Serra Leona. Creo que os resultados foron os mesmos: catastróficos.

No caso de Liberia a historia di que no 1821 un buque americano atracou na actual Monrovia. Nel aparece o persoeiro Robert Stockton, un axente da American Colonisation Society. Como non podería ser doutra maneira, e cunha pistola na man apuntando á cabeza do rey da tribu pideulle se por favor lle deixaba uns terreos para que os escravos americanos se puidesen asentar. Por suposto o rei aceptou (non teño claro se despois de aceptar seguiu vivindo) e alí asentáronse os fillos e netos dos que anteriormente foran encadeados e levados á forza como escravos a para América.

Sona a algo fantástico, a liberación da escravitude e a volta á terra da que nunca deberon saír pola forza. Pero o que realmente é fantástico é que esta xente que non coñecía outra forma de vida ca da escravitude e a falta total de dereitos, unha vez instalada en Liberia instaurou o mesmo método do cal viñan: a escravitude.

Os seus irmáns das tribus foron escravizados. E viñeron máis e máis buques con máis escravos que se convertirían nos amos doutros escravos. Foi no ano 1847 cando se convertiron oficialmente na República de Liberia. E sería 100 anos despois cando se crearon os primeiros homelands.

Inda non aparecera o aparheid sudafricano cando neste pequeno país Atlántico xa formaran a súa particular separación de xentes de ben e malnacidos.

A historia é curiosa, o outro día lin nun libro que a historia é a filla bastarda da estupidez humana. Non se trabucaba.

Por certo, todo isto veu a partir da bandeira dun buque no que estiven ahí atrás: Monrovia.

Hutus, tutsis, masacre

Toda esta historia comezou lendo un libro. Exactamente un libro chamado Ébano, de Ryszard Kapuściński.

Gústanme moito os seus libros xa que me transportan aos lugares onde as guías de viaxe non chegan nunha época na que ser turista de airbnb era cousa de tolos. Uganda, Ruanda, Tanzania, Angola, Zanzíbar e outros moitos lugares en primeira persoa.

E o que máis me chamou a atención foi Ruanda. Acórdome moito do ano 94. Eu tiña 12 anos e quizais foi un dos millores anos da miña vida (sobre todo no verán). Acórdome do Mundial de Fútbol dos Estados Unidos, de Maradona e a súa dopaxe, do Ibiza Mix que tiña o meu compañeiro Xurxo e que poñíamos a toda hostia na minicadena da casa dos seus tíos…pero non me acordo de Ruanda. Ou sí, vagamente acórdome dos cascos azúis, dos hutus, dos tutsis, e xa está.

Foi precisamente o libro este o que me chamou a atención, o que me fixo reflexionar, o que me fixo investigar. No libro fálase dos anos 50, 60, 70 e 80. Da cultura feudalista e das castas. O 86% da poboación era Hutu e o 14% restante Tutsi. Os Tutsis eran os señores feudais (os gandeiros), tiñan vacas, a casta dominante. Máis vacas, máis poder. Os Hutus, pola contra, eran os dabaixo, os agricultores que traballaban as terras dos Tutsis e debían darlle parte da sua colleita ó seu señor feudal.

Fálase da repartición de África en Berlín, de cómo pasou de mans dos alemáns a caer nas máns dos Belgas. Fálase da época da independencia africana. De cando os Tutsis empezaron a revolverse no oscuro mundo da independencia colonialista e os belgas deixaron de apoialos para apoiar aos hutus, máis manexables.

Mil novecentos noventa e catro. O ano da masacre. O ano no que todo se volveu oscuro e a masacre se cebou con todo o que se lle puxo por diante. Estiven vendo este documental e impactoume tanto que non paro de reflexionar o por qué de tanta inxustiza e si o perdón existe, si o perdón pode existir. Se somos seres humáns, ou que carallo somos. Porque coma en tódalas guerras que houvo e haberá, sempre a pagan os máis febles. A violencia ven por abaixo, pero é deseñada por arriba.