De como me perdín en Aranga (outra vez)

E non quixen encontrarme! Porque chegou un momento no cal me sentín ben estando perdido. Sabes cando alguén che di “tírate ao mar e di que caíches”? Pois sentiríame ben. Quizais porque levaba o bandullo cheo, quizais porque a súa xente me enganchou. Tamén pode ser polo seu verde, ou polas súas vistas, incluso polo río Mandeo. Quen sabe! O que sei é que volvín cheo de enerxía.

Aranga é un concello que se encontra na provincia da Coruña, máis precisamente na comarca de Betanzos. Cheguei a el grazas a uns bos amigos que mo fixeron coñecer. E dende aquela non puiden parar de perderme por alí. E aínda o que me queda, xa que nin fun á súa famosa fervenza nin ó seu castelo. Deixareino para a próxima. Ou para unhas cantas veces máis. Quen sabe!

Chegar non é fácil, iso si. Cando lle dixen a uns amigos se me acompañaban recuaron. Hai xente á cal lle atemorizan os lugares que non aparecen no Tripadvisor. Por outra parte, están no seu dereito.

Co cal fun só. Minto, fun coa familia. Metémonos no coche e alá fomos. Collemos a A-6 ata chegar á altura de Coirós e seguidamente saímos dirección Irixoa.  Había alí unhas tabernas que me chamaron a atención. Trabuqueime de dirección, din a volta e seguín dirección a Irixoa por unha estrada chea de curvas e máis curvas até chegar ó cruce que leva a Ponte de Aranga. Paseime…vin o Citroen C-15 branco de sempre pero non vin o cruce. Non pasou nada, din volta un pouco máis adiante ó carón do centro de saúde.

Uns minutos máis e xa estábamos chegando ao destino. Pasoume pola cabeza que naquelas casas tiñan que sufrir moito da humidade. Nas ladeiras do monte debían ver a luz do sol quince minutos cada día. A humidade do río Mandeo cheirábase a quilómetros.

mirador-de-vieiro

E acolá estaba. Carallo! Cambiaron isto, agora hai unhas mesiñas onde comer ó carón do río. A ponte segue estando onde sempre. Cruceina e dispúxenme a subir a costa arriba que fai un para de anos o coche non puido superar. Acórdome daquel día coma se fose hoxe. O meu pobre cabaliño non tiña forza para subir por aqueles lugares empinados. Pero hoxe si, e ben que subiu. A única parada que fixemos no camiño foi para gozar das vistas marabillosas do Mirador Vieiro, en Cambás, San Pedro.  É unha parada obrigada. As vistas dende aquí son abraiantes.

o-cafe-bar-vidal

Unhas fotiñas e en 10 minutos chegamos ó mellor lugar do mundo mundial para facer unha parada no camiño. O café bar Vidal, onde tamén dan de comer. E como diríamos no Grove, mima meu! Este lugar non aparece nas guías. É un bo lugar, que digo! É marabilloso. Cómese de vicio e a súa xente é estupenda. Pedimos uns callos que estaban moi pero que moi bos e logo un churrasco. Saín dalí pensando en non comer nos próximos cinco días. Ademais construín unha nova teoría. A teoría do C-15. Onde vexas un, hai algo bo. Se te fías da miña opinión, tes que ir aí.

os-callos-do-cafe-bar-vidal

O outono en canto a luz é unha merda (con perdón). Saímos da de Vidal case ás cinco. Quedábanos case que unha hora e media de luz e decidimos volver. Desta vez por unha estrada mellor. Teño que recoñecelo, non me gusta moito iso de conducir polas noites, mais que nada por seguridade. Xa non é a primeira nin a segunda vez que teño algún que outro susto cun xabarín, cervo…

Nada, que entre lusco e fusco chegamos á casa. Volvémonos encontrar na comodidade da cidade. O que si, o aire non era o mesmo, xa non cheiraba a estrume, xa tódalas rúas tiñas os seus carteis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.