Hutus, tutsis, masacre

Toda esta historia comezou lendo un libro. Exactamente un libro chamado Ébano, de Ryszard Kapuściński.

Gústanme moito os seus libros xa que me transportan aos lugares onde as guías de viaxe non chegan nunha época na que ser turista de airbnb era cousa de tolos. Uganda, Ruanda, Tanzania, Angola, Zanzíbar e outros moitos lugares en primeira persoa.

E o que máis me chamou a atención foi Ruanda. Acórdome moito do ano 94. Eu tiña 12 anos e quizais foi un dos millores anos da miña vida (sobre todo no verán). Acórdome do Mundial de Fútbol dos Estados Unidos, de Maradona e a súa dopaxe, do Ibiza Mix que tiña o meu compañeiro Xurxo e que poñíamos a toda hostia na minicadena da casa dos seus tíos…pero non me acordo de Ruanda. Ou sí, vagamente acórdome dos cascos azúis, dos hutus, dos tutsis, e xa está.

Foi precisamente o libro este o que me chamou a atención, o que me fixo reflexionar, o que me fixo investigar. No libro fálase dos anos 50, 60, 70 e 80. Da cultura feudalista e das castas. O 86% da poboación era Hutu e o 14% restante Tutsi. Os Tutsis eran os señores feudais (os gandeiros), tiñan vacas, a casta dominante. Máis vacas, máis poder. Os Hutus, pola contra, eran os dabaixo, os agricultores que traballaban as terras dos Tutsis e debían darlle parte da sua colleita ó seu señor feudal.

Fálase da repartición de África en Berlín, de cómo pasou de mans dos alemáns a caer nas máns dos Belgas. Fálase da época da independencia africana. De cando os Tutsis empezaron a revolverse no oscuro mundo da independencia colonialista e os belgas deixaron de apoialos para apoiar aos hutus, máis manexables.

Mil novecentos noventa e catro. O ano da masacre. O ano no que todo se volveu oscuro e a masacre se cebou con todo o que se lle puxo por diante. Estiven vendo este documental e impactoume tanto que non paro de reflexionar o por qué de tanta inxustiza e si o perdón existe, si o perdón pode existir. Se somos seres humáns, ou que carallo somos. Porque coma en tódalas guerras que houvo e haberá, sempre a pagan os máis febles. A violencia ven por abaixo, pero é deseñada por arriba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.