O león e a raposa detrás do referendum catalán

Unha mirada atrás.

Está claro que nesta situación, coma en tódalas demais que afecten á vida política dun pobo, o único que sae prexudicado é o pobo. E non é algo tan sinxelo como dicir quero independencia e xa está. Quero independencia, e logo que? Esa sería a cuestión.

Nun ensaio que lin aí atrás sobre a guerra civil española chamado “The Spanish Cockpit”, de Franz Borkenau, o autor reflexou, sen esconderse, a realidade do bando republicano. Do outro lado non quixo pasar, igual nen o contaba.

Neste ensaio, na primeira parte del falaba da súa experiencia en Cataluña, da súa realidade, moi distinta ao resto da península. Falaba de que a España actual (do 1937) era unha España antieuropea. Que fora antieuropea case sempre pola gran influencia da Igrexa no pobo, nas costumes, etc. Pero falaba dunha Cataluña e dun País Vasco europeos. A súa maneira de pensar, de facer negocios, de relacionarse os traballadores, de relacionarse a burguesía, etc.  Falaba, en definitiva, dunha sociedade capaz de ser autónoma.

Tamén falaba do pobo. Dos dabaixo. Dos que alzaban o puño coa ilusión de que algo cambiara. E si que cambiou. Cambiaron os darriba, pero eles seguiron igual na miseria.

Hai unha teoría que me gusta moito, e que é fiel reflexo da realidade. É a Teoría da Circulación de Elites de Pareto.

Pareto foi un gran ilustrado que soubo definir perfectamente esta situación. Nesta teoría Pareto afirma que as sociedades sempre acaban sendo gobernadas polas elites, ou sexa polas minorías. E para iso puxo como exemplo a metáfora do león e da raposa.  As sociedades sempre acaban sendo gobernadas pola forza (o león) ou pola astucia (a raposa). O fin común, os privilexios. Sóavos de algo iso?

Hai unhas elites que buscan lograr privilexios, e hai outras elites que buscan reter os seus privilexios, o seu status quo. Hai unhas elites que ven escenarios políticos futuros que os poden beneficiar, e hai outras elites que buscan o sufrimento como logro e como beneficio.

E os dabaixo?

Os dabaixo seguen abaixo. Para que as elites (é dicir, as minorías) funcionen, necesitan ós dabaixo. Pero os dabaixo seguirán sendo dabaixo. A súa situación non vai cambiar.

Con esta parrafeada o único que intento é responderme a min mesmo o que está pasando hoxe, ano 2017, mes setembro, a punto de chegar ao famoso 1 de outubro.

España segue sendo antieuropea. Miramos con recelo todo o que pasa por aí arriba. Tan solo hai que mirar os nosos horarios, antiproductivos, pero éche o que hai. A nosa forma de traballar antiproductiva, pero éche o que hai. A política de natalidade e beneficios para as familias (en forma de tempo), antiproductiva, pero éche o que hai.

Pola contra vexo a Cataluña europea. A súa maneira de pensar é europea, é progresista. Vai a fora a conseguir o que non consegue dentro. Parece claro que esta ruptura non é solo económica. É social. Parece claro que cando hai unha ruptura social, solo hai dúas formas de solucionala. Ou a do león, ou a da raposa. Parece claro que hai que votar. Pero ollo! O de votar é unha trampa legal. A democracia é necesaria, pero neste caso é un tema de astucia. A astucia dos cataláns está por encima da forza de Madrid. O mal xa está feito. É cuestión de esperar.

A miña conclusión

Está claro que algo vai cambiar. Non sabería dicir o que. Está claro que hai unha ruptura social en Cataluña. O que non vexa iso está cego ou non quere velo (o león). Está claro que as elites catalanas (a raposa) ven moitos privilexios en todo isto e funcionan con moita astucia. O que non teño tan claro é no que lle vai a afectar ao pobo catalán. Na miña simple e humilde opinión, en nada.

E que pinta Europa en todo isto? Pois basicamente está á espera do que suceda. Sabemos todos que España vai perder moitísimo máis que Cataluña en todo isto. Sabemos tamén que durante estes anos España estivo alimentando a Cataluña (non gratis), mais que nada porque a división administrativa do Estado é unha quimera. E sabemos que a economía e as elites mandan. Tan solo hai que mirar as principais páxinas web de multinacionais estranxeiras. A maioría xa ten na súa web a lingua catalana.  Adaptarse ou morrer.

E morrer espero que non morra ninguén. Pero coma sempre, cando alguén morre, alguén abre os ollos para solucionar os problemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.