Serxio Arteijo

Unha relación comeza cando dúas persoas se poñen a falar.

Este é o caso de Serxio. Filipino, 25 anos. A primeira toma de contacto é a habitual: onde está a cidade. Parece unha pregunta sinxela de responder, mais non o é. A cidade está aquí ó lado. Si, é doado. Mais eu sei o que quere preguntar Serxio exactamente. Onde está un lugar onde comprar algo. Onde pasar 2 horas fora da rutina das 24 horas metido entre ferros dunha cuberta dun barco.

A súa cara tórnase feliz cando lle digo que en 20 minutos andando ten un centro comercial. Vólvese máis e máis feliz cando lle digo que estamos en rebaixas. Cambia de ton cando lle digo que non sei onde poder cambiar cartos.

Seguimos co noso choio e pola miña parte recae a pregunta típica: cando vai para a casa. Cunha voz resignada dime que inda lle quedan 3 meses. Digo ainda porque un filipino está por contratos de 9 meses dando voltas polo mar. É o máis normal. Recordo cando miña avoa me decía que fulanito estaba navegando. Non o entendía. Agora entendoo moi ben.

Serxio ten 25 anos. É mozo, pero leva case 10 anos navegando, toda unha vida. Está canso de navegar pero non pode deixalo. Toda a súa familia depende do seu soldo extranxeiro. Sabeo, e por iso segue navegando. Quere montar un bar, ou unha tenda de pesca. A pesca é o que lle vai, pásase horas pescando.

A confianza apodérase e preguntolle como se chama: Sergio. Respondolle que aquí en Galiza Sergio é Serxio. Ríese. Tras uns minutos pensando respóndeme que a súa bisavoa era española. A súa avoa tamén. Serxio fala “chabacano”, un español fácil. Rise moito.

Nunha noite fría, chea de humidade crúzase no meu camiño Serxio, filipino, 25 anos, de bisavoa e avoa española. Quédanlle tres meses para visitar á súa familia. Tres meses na casa e volta a navegar. Pregúntolle como se apelida: Arteijo. Si, apelídase Arteijo, non é leria. Dígolle que Arteixo é un pobo a 15 minutos da Coruña. Non mo cre. Repítollo e segue sen crermo.

Rise, repite con retranca Serxio Arteixo. In La Corunna. Tan lexos e preto da casa ao mesmo tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.