In your head

 

Paseime media vida pensando que esta canción dos Cramberries dicía  “IRIUM JED”. Lémbrome dos seus inicios. Tería eu 12 ou 13 anos? Lémbrome de xogar á pelota na pista das Bizocas cos meus amigos e lémbrome que as miñas compañeiras de clase empezaban a saír de festa os domingos na discoteca do pobo. Aquela mesma que pisaría eu anos máis tarde procurando respostas.

Miña curmá chámase Iria, a miñas compañeiras de clase nas súas saídas vespertinas dos domingos coñeceron a Iria. Cando se decataron que os lazos familiares nos unían pasei a ser “Irium Jed”. Eran os noventa, a miña infancia. Quizais a primeira canción en inglés que recorde da escola primaria das Bizocas.  Esa que unha e outra vez se repetía na miña cachola. E que se segue repetindo.

Lémbrome, na universidade,  na aula de telecomunicacións. Sempre me acordarei dos satélites Iridium por esta canción.

Onte por primeira vez na miña vida déuseme por lela canción, por intentar comprender a súa letra, e non estaba moi trabucado. “Irium jed” pasou a ser “In your head”, a que non me sae da cabeza. Nunca fun un gran apaixonado dos Cramberries, pero si desta canción que forma parte da miña historia, e tamén da historia de tódolos aqueles que nos criamos por aquelas datas.

Onte foi luns 15 de xaneiro. O día no que me enterei do nome da cantante dos Cramberries (Dolores O’Riordan) debido ao seu repentino falecemento.

O día no que me decatei do auténtico estribillo da canción, in your head. Lembrareino para sempre. Zombie.