Por que o galego non se exporta?

É unha pregunta bastante habitual que me fago. Ese deixamento propio dos galegos, do típico, do xa o farán os políticos por min. A batalla da lingua en Galiza é unha batalla de supervivencia. Podemos dicir programada. Cun final incerto. O futuro, como na economía, é a exportación. A exportación da lingua, da nosa cultura.

Pero quero saber un pouquiño máis. Antes de exportar hai que facer un pequeno estudo de mercado.  Así que vou buscar a cantidade de resultados que aparecen no google polonés. Quero saber como se exportan as linguas.

Poñamos que son un estudante polonés que quere aprender unha nova lingua estranxeira. O máis normal do mundo é que alguén queira aprender inglés, alemán, español, pero…que ocorre se son un “friki” e quero aprender catalán, euskera, ou mesmamente galego? Pois imos ver.

Se poñemos no Google polonés a combinación de palabras en inglés “learn + lingua (en inglés)” obtemos os seguintes resultados:

LEARN ENGLISH:    99.700.000 resultados.

LEARN FRENCH:  63.800.000 resultados.

LEARN GERMAN:  61.800.000 resultados

LEARN SPANISH:  39.700.000 resultados

LEARN PORTUGUESE:  13.600.000 resultados

LEARN GUARANÍ:  13.000.000 resultados

LEARN CATALAN:  2.150.000 resultados

LEARN BASQUE:  923.000 resultados

LEARN GALICIAN:  816.000 resultados

LEARN VALENCIAN:  420.000 resultados

LEARN AYMARA:  420.000 resultados

LEARN ASTURIAN:  420.000 resultados

LEARN ARAGONESE:  351.000 resultados

LEARN ARANESE:  17.100 resultados

 

Está claro quen manda. Pois ben, compararse é odioso. Pero tamén é certo que é necesario. Comparando co catalán estamos a anos luz por detrás, e detrás do euskera aí estamos. Por detrás tamén vemos outras linguas que están peor cá nosa. Pero bueno, miremos hacia arriba.

O que nos diferenza de linguas coma o catalán ou o euskera é que fora do país a xente sabe que esa lingua existe. Co galego non ocorre o mesmo. E non ocorre o mesmo porque non temos unha industria lingüística potente.

E aquí vou un pouco máis en profundidade co tema a industria lingüística. Para que exista una industria lingüística forte teñen que existir industrias auxiliares, moitas industrias auxiliares. Explícome, para que a Citroen funcione, necesita de provedores, moitos provedores.

Esta lixeira reflexión fágoma logo de ver como nas universidades do estranxeiro a lingua catalana ou mesmamente a vasca está presente, non é algo que poidamos ler nos libros. É algo que se toca, que está na universidade, que está nas rúas. Podemos dicir o mesmo do galego? Non, sinxelamente non.

Por iso empecei a escribir en galego. Por iso cada vez que teño a mínima oportunidade vendo a miña terra, vendo a miña lingua, porque sei que esta mínima achega, ao mesmo que insignificante é moi valiosa. A cousa é, por que non a vendes ti tamén? A industria lingüística necesita de moitos auxiliares coma ti ou coma min.